Monday 29 de April de 2024

O próximo luns abre o prazo de inscrición nas porbas libres para a obtención dos títulos de ESO e Bacharelato para adultos


Así o adiantou a directora xeral de FP durante unha visita ao Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Eduardo Pondal da Coruña

O próximo luns, día 5, a Xunta de Galicia abrirá o prazo para inscribirse nas probas para a obtención dos títulos de ESO e Bacharelato para adultos, o que posibilita que quen non obtivera estes títulos a través do ensino ordinario, poidan acceder a eles a través dunha proba libre. Así o explicou esta mañá a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, durante unha visita ao Centro Público de Educación e Promoción de Adultos EPAPU Eduardo Pondal da Coruña.

Así pois, as persoas maiores de 18 anos interesadas en obter o título de ESO teñen de prazo entre o 5 e o 21 de febreiro para a inscrición en primeira convocatoria, e do 8 ao 18 de abril en segunda convocatoria. Os centros nos que se poderá presentar a solicitude son a EPA Eduardo Pondal (A Coruña), EPA Santa María de Caranza (Ferrol), IES San Clemente (Santiago de Compostela), EPA Albeiros (Lugo), EPA de Ourense, EPA Río Lérez (Pontevedra) e EPA Berbés (Vigo).

No caso das probas para a obtención do título de Bacharelato para maiores de 20 anos, o prazo de inscrición é do 15 ao 28 de febreiro. Os centros nos que se poderá presentar a solicitude son a EPA Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San Clemente (Santiago de Compostela), a EPA Albeiros (Lugo), a EPA de Ourense, a EPA Río Lérez (Pontevedra) e a EPA Berbés (Vigo).

O Eduardo Pondal é un dos 55 centros que actualmente forman parte da Rede de Capacitación Dixital, onde a Xunta de Galicia habilitou aulas específicas para impulsar a formación das persoas adultas en competencias dixitais básicas. Na visita, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, puido comprobar os avances este curso para a dixitalización do alumnado co obxectivo de garantir, desde a Administración autonómica, a formación da totalidade da poboación ao longo da vida.